Existe, desde hai tempo, un empeño por sinalar a unha parte da especie humana en relación simbiótica cun conglomerado dixital que, dun xeito ou outro, desemboca sempre no mesmo: a Internet.
A esa parte da especie presuponlla nacida xa dentro da existencia deste ente, a Internet, que alén de existir desde moito antes, probablemente —estou seguro— foi máis relevante para moitas persoas de diferentes xeracións que simplemente crecemos ou desenvolvémonos con ela.
Por desgraza, a Internet tal e como a coñeciamos morreu hai tempo. Esa divertida, útil, lúdica e sorprendente. Non é que hoxe non existan aínda eses factores, pero danse doutro xeito.
Practicamente sempre da man de estratexias de desenvolvemento, buscando impactos de marca. Ou perseguindo outros fins bastante máis feos.
Hai tempo empezou a falarse da internet das cousas como o antecedente dun futuro brillante e mellor, no que o concepto de utilidade estaba inevitablemente ligado ao desenvolvemento e ao crecemento en todos os aspectos.
Para esta, a nosa rede, aquilo acabou supoñendo máis ben a súa conversión en «a Internet das cousas mortas», porque mortas están boa parte das iniciativas que no seu momento fixeron de todo isto aquel fértil ecosistema de outrora.
A Internet das cousas mortas son, por exemplo, os blogs. Como este, que quedou aparcado cando empezou a escasear o tempo e logo xa directamente paralizado cando a vida nos levou a todas as persoas por outros camiños.
Os blogs foron o mellor desa internet. Hai que empezar a dicilo no alto. E perdéronse moitos de tantos que se borraron ou que acabaron afundidos dentro de sistemas que non sobreviviron ao paso do tempo.
Este, por sorte, non feneceu. E por iso non se eliminou nunca, nin se eliminará. Aínda aparece en resultados, porque aínda queda xente que rastrexa información en buscadores e non acode directamente a foros masivos ou redes sociais, así que se merece quedarse onde está.
A internet das cousas mortas tamén debería ser a daquelas que permanecen. Porque iso de permanecer, ás veces, ten máis valor que todo o que intenta convencernos mediante permanentes urxencias.
O blog de enimaxes queda na web de enimaxes.
As persoas que escribiamos aquí non deixamos de facelo e tampouco temos intención de parar, pero seguirá sendo por outros lados. Este espazo manterase así, atemporal, como un limbo que construïamos pensando nun mundo fabuloso que estaba por vir e cuxo maior logro, imaxinabamos, non consistiría en que che mandase mensaxes a lavadora.
O mundo, en fin, que se converteu un pouco nisto: